Este ano, aproveitando a temática do Entroido, decidimos levar a cabo durante o mes de febreiro, un proxecto de maneira transversal que nos permitise continuar coa nosa labor e á vez, celebrar o entroido. Este proxecto titulouse Países do Mundo e a través del traballamos contidos referentes ás diferentes áreas (alimentación, cultura, tradicións, música…) ao mesmo tempo que habilidades persoais (atención, memoria, linguaxe…) e grupais (traballo en equipo, respeto, comunicación…).
Para o desenvolvemento do proxecto, cada taller elixiu un país do mundo e baseou o seu disfraz nel. Así traballáronse as costumes, as relixións, a música, as vestimentas e por suposto a alimentación, contando con menús específicos para cada país.
Continuando coa alimentación, contamos coa axuda de Raquel Suárez Vigo, coñecida en instragram como @bydiolopaje. Grazas a ela puidemos gozar de postres típicos de cada país, completando esta experiencia. Aquí vos deixamos unha mostra da súa achega:
“Sendo febreiro o mes do Entroido, na asociación Aspadex decidiron celebrar esta festividade por todo o alto. Comezando o día 6 e ata o día 21, fíxose unha longa viaxe por diferentes culturas de países elixidos polos usuarios/as de cada aula en vestimenta, cultura e sobre todo, gastronomía, elaborando cada día da semana un postre relevante.
Comezamos pola India cun Jalebi, unha masa a base de fariña, iogur, auga e azafrán. Coa masa lista, procedemos a fritila dándolle unha forma de espiral e pasándoa posteriormente por un almíbar especiado con azafrán e moita cúrcuma.
O día 7 seguimos o camiño ata Italia cun tiramisú, o postre italiano por excelencia. A orixe deste postre non é certeira, pois uns din que se orixinou na Toscana en honor ó Duque Cosimo III, mentres que outros din que en Turín ao aparecer nun libro de receitas de Pellegrimo Artusi. O que si temos claro é que, aparte de estar exquisito, veña de onde veña, os dous teñen un factor común: o café. Este doce elabórase intercalando capas de biscoitos de soletilla empapados en café, con capas dunha crema a base de ovos, queixo crema e azucre.
Ben espertos grazas a dose de café, puxemos rumbo ata Escocia, onde o yule log fixo a súa aparición. O yule log é un biscoito de chocolate bañado nun almíbar de cacao recheo de nata e cuberto por unha crema de chocolate, dándolle a todo ela forma dun tronco. Este postre ten a súa orixe nas tradicións e supersticións paganas, onde se celebraba o día do solsticio de inverno en familia, comendo xuntos e queimando un tronco para dar a benvida o sol e deixar os malos augurios atrás.
Como remate para a primeira semana, puxemos rumbo a Arxentina para probar os alfajores. Inicialmente este doce orixinouse en Arabia, chegou a España e de aquí a Arxentina, onde se fixo moi popular ao rechealo con doce de leite. O do centro estaba elaborado con dúas galletas de maicena e manteiga recheo dunha densa crema de chocolate e queixo napado con doce de leite.
Comezamos a segunda semana rumbo a Hawai, unha illa autosuficiente onde o que máis prima e a froita como a piña ou o coco. Por este motivo, a haupia foi o doce elixido, un puding a base de maicena e leite de coco espeso, o que lle demos un toque diferenciador engadindo uns anaquiños de piña.
O día 14, e seguindo a travesía en liña, chegamos a China, onde paramos a comer uns dorayakis, un doce composto por dous biscoitos pequenos de forma redonda recheos dunha crema de chocolate. Conta a lenda que o primeiro dorayaki xurdiu cando un samurai esqueceu o seu gong na casa dun labrego e este utilizouno a modo de tixola para fritir uns buñuelos. Aínda que cabe destacar que a súa fama mundial ven dada por Doraemon, o gato cósmico, xa que non hai un capítulo da súa serie que non o vexamos comendo ou babeando por un.
O día que chegamos a México, démonos conta de que a colonización deste país fixo que diferentes produtos chegasen para facer sitio e quedar como propios. É o caso do arroz de orixe asiático, que chegou a este marabilloso país para xuntarse co leite e especias e facerse un dos postres máis típicos. O noso, aparte de leite e arroz, aromatizouse con canela, lima e herba de limón.
Para continuar esta axetreada semana decidimos facer unha parada no Vaticano para consagrarnos cunhas obleas de trigo, azucre, ovo, canela e un grolo de viño antes de poñer rumbo aos Estado Unidos de América.
Sendo este o país por excelencia do azucre e das calorías, decantámonos por comer banana Split. Este postre comezou a venderse en cafeterías das universidades de Pensilvania, onde a súa presentación tan atractiva non tardou en popularizarse e lograr recoñecemento en todo o país. O banana Split componse por tres bolas de xeado, un plátano partido en dous, nata e unha crema de chocolate. Neste caso, para non ter que pasar tanto frío (e sobre todo para facelo un pouquiño máis saudable), decidimos omitir o xeado e quedarnos co resto de ingredientes.
O día 20 e con algo de sitio aínda no estómago, voltamos a casa, a Galicia, para saborear unhas merecidas orellas de entroido feitas con ovos, fariña, manteiga, anís, limón e azucre. Este gran recorrido polo mundo culminou o martes de entroido cunha gran festa que rememorou as vestimentas de tódolos países visitados, para a cal nos preparamos comendo un delicioso cocido e unhas filloas feitas con fariña, auga, leite, ovos, azucre e anís, moito anís.
Ser partícipe deste bonito proxecto impulsado polo centro foi un pracer. Non só por poder experimentar na cociña con culturas que nin eu mesma me tiña plantexado con anterioridade, senón polas sensacións que me xurdían cada día ao chegar ao centro. Ver de primeira man a expectación e a curiosidade de todos por saber que ía a tocar ese día ou o seguinte, a emoción e ilusión ao ver como contaban que país representaban, o que coñecían del e como estaban elaborando o seu disfraz, e sobre todo, a confianza depositada en min e nas miñas inventivas, afianzan cada día máis a idea de que levar a cabo este proxecto foi unha idea marabillosa que sirve de preámbulo para os vindeiros anos.”